domingo, 31 de octubre de 2010

TOMIÑO: A Concellaría de Cultura edita unha guía de pintores/as de Tomiño que pode consultarse na páxina web do Concello

A publicación consta de 55 páxinas e inclúe a obra de 26 artistas
A Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño vén de editar unha guía de pintores e pintoras da localidade que xa pode consultarse a través da páxina web do Concello (concellotomino.com).
A publicación consta de 55 páxinas a toda cor e inclúe a obra e datos biográficos de 26 artistas da localidade, nóveles e consagrados, entre os que figuran nomes coñecidos como os de Antonio Baños Saldaña, Eulalia Portela Jackson, Basilio Calzado, Jesús Jáuregui, José Antonio Álvarez ou Mario Rodríguez, e outros de artistas máis novos, como Ángela Mª Ramos, Sheila Quintero, Félix Sanz Cardoso ou Iria Moure Martínez.
Jesús Castiñeira Diz, concelleiro de Cultura, Educación e Participación Veciñal explicou que “Tomiño é terra de pintores e escultores, de grandes artistas que se veñen inspirando nas ribeiras do Miño, nos seus afluentes, nos seus vales, no patrimonio tradicional, nas súas fortalezas; polo que esta guía vén a saldar unha parte do compromiso asumido dende a concellaría no sentido de difundir e promover o traballo que estes artistas veñen realizando”.
O edil cre que “é posible que na publicación non estean todos os pintores tomiñeses “pero estamos seguros de que nos atopamos fronte a persoas moi representativas das actuais tendencias da pintura no ámbito municipal e comarcal”.
Por último, o concelleiro indica que o feito de que a guía poda consultarse a través de internet, permitirá a súa actualización e mellora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario