
O BNG PRESENTA MOCIONS NOS CONCELLOS DO BAIXO MIÑO CO GALLO DO 25 DE NOVEMBRO PEDINDO Á XUNTA QUE NON DESMANTELE OS SERVIZOS PARA LOITAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
O BNG presenta mocións en todos os concellos do Baixo Miño co gallo do 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, para reiterar que a violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres e a manifestación máis clara e brutal da desigualdade aínda existente entre mulleres e homes na nosa sociedade.
Neste senso, este ano o BNG desexa subliñar que, a pesar de que na pasada lexislatura deuse en Galiza un paso moi importante ao aprobar unha lei específica para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero (Lei 11/2007), esta norma aínda está por desenvolver e o novo goberno da Xunta do Partido Popular non parece ter interese en por en funcionamento os instrumentos que nela se inclúen.
Así se solicita que os Concellos insten á Xunta de Galiza a que realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que estaban pendentes de desenvolvemento, en concreto:
1) a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero
2) a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral,
3) a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero,
4) a formación da totalidade das e dos profesionais implicados na loita contra a violencia de xénero
5) a garantía do dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público para as vítimas de violencia de xénero tamén recollido na lei.
Ademais a moción do BNG solicita do goberno da Xunta de Galiza que non reduza económicamente o orzamento destinado a loita contra a violencia de xénero e que deixe de desmantelar as poucas estruturas básicas coas que a administración galega contaba neste ámbito como as Oficinas I+B, xa desaparecidas, ou o Servizo Galego de Igualdade claramente mermado nas súas funcións.
En definitiva trátase de asumir que a violencia de xénero é un problema de primeira orde no que deben implicarse o conxunto de poderes públicos e a sociedade para a súa erradicación.
COMISIÓN DA MULLER DO BNG. BAIXO MIÑO
No hay comentarios:
Publicar un comentario