martes, 16 de noviembre de 2010

OURENSE

MÚSICA, RECITAIS POÉTICOS E UN LIBRO CENTRAN OS ACTOS DE HOMENAXE AO MUSICÓLOGO MANUEL DE DIOS





A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación das actividades que se van desenvolver co gallo da homenaxe que Ourense lle rende ao profesor, músico e poeta Manuel de Dios, persoeiro a quen a institución provincial propuxo conceder a medalla de ouro da provincia a título póstumo. Os actos enmarcados na homenaxe desenvolveranse o vindeiro 18 de novembro no Teatro Principal de Ourense cun recital poético-musical baseado na súa obra, acto no que intervirán os compoñentes do grupo “Vellos Amigos”, organizador da homenaxe, interpretando 6 cancións de Manuel de Dios, e Marisa Calvo, quen recitará poemas do homenaxeado.
A presentación da homenaxe contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, e co presidente e vicepresidente do grupo “Vellos Amigos”, Moncho Calvo e Arturo Fernández, respectivamente. Baltar destacou “a humanidade” de Manuel de Dios. “Por riba da súa intensa e polifacética vida profesional penso que é moi importante destacar a persoa, o ser humano que había dentro del, un home que sempre fuxiu do protagonismo e que xeraba confianza e empatía alí por onde ía”.

Pola súa banda, Moncho Calvo agradeceu ás institucións que fixeron posible a realización da homenaxe, principalmente á Deputación de Ourense, e Arturo Fernández, destacou, ademais da faceta profesional de Manuel de Dios, o feito “de ser amigos dos seus amigos e unha persoa que deixou en todos nós un poso de amizade e fondo agradecemento por todo o que puidemos compartir e aprender del”.

Fernández dixo que a homenaxe faise neste mes de novembro porque coincide coa data do pasamento de Manuel de Dios, falecido o ano pasado, “e os actos están organizados por “Vellos Amigos” porque foi o grupo co que Manuel estivo vencellado desde 1990 e ata o seu falecemento, 19 anos dirixindo este grupo, formado por ex coralistas da Coral de Ruada”.

As invitacións gratuítas para asistir ao acto de homenaxe pódense recoller no Teatro Principal ata o día 18 de novembro, no que terá lugar o acto, ás 20.30 horas.

Manuel de Dios Martínez, naceu en San Xes da Rábeda en 1930. De moi neno trasladouse a Ourense onde realizou os seus primeiros estudos. A súa vocación literaria desenvólvese coa amizade de poetas locais como Abelardo Santórum, Víctor Campio Pereira, Serafín Gómez Pato e A.Tovar.

Licénciase en Filoloxía Románica. En Santiago de Compostela relaciónase con Varela Jácome, Carlos Casares, Francisco Javier Carro e J.F. Ferreiro. Colabora en “As nosas páxinas galegas” do diario ABC. Profesor de Música e Literatura na antiga Universidade Laboral.Toma posesión no Instituto Otero Pedrayo como profesor de Lengua e Literatura española en 1961. É tamén director do Coro de Música do Instituto, e forma parte dos seminarios de Filosofía e Literatura que presiden Ferro Couselo e Ogando Vázquez. É nomeado xefe do primeiro Seminario de Lingua Galega. Ferro Couselo propono para membro do Grupo “Marcelo Macías”. É confirmado oficialmente e colabora na edición do Boletín Auriense.

Colabora musicalmente con Xaquín Lorenzo na recompilación do “Cancioneiro da Baixa Limia”. A súa afección á música lévao a dirixir diversas agrupacións corais como a Coral de Ruada que accede a súa dirección no 1956, dálle un novo rumbo ca renovación do repertorio con introdución de novas obras polifónicas galegas e da polifonía universal, en 1964 abandona temporalmente a dirección da Coral para retomala no ano 1969 ata 1970 e ultimamente dirixía a coral Vellos Amigos, expresión viva das súas inquedanzas musicais e poéticas.

O seu currículo é amplo como compositor xa que rescata cantigas populares, ademais de crear pezas propias, montando un auténtico arquivo musical de coro, entre as pezas populares destacan “Ourense ó lonxe”, e “A Virxe de Portovello”, recollidas nun amplo repertorio publicado pola Deputación Provincial no 2005 titulado : “Cantos de traer e levar” ademais de musicólogo é poeta. Autor do libro de poesía: “Cantares” (2005), editado tamén pola Deputación Provincial.

Faleceu aos 79 anos, o 12 de novembro de 2009, e foi soterrado en San Payo de Albán, en Coles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario