miércoles, 17 de noviembre de 2010

OURENSE

O CICLO DE CINE FANTÁSTICO TRAE A OURENSE AS MELLORES PELÍCULAS DO XÉNERO





Os afeizoados ao cine de ciencia ficción están de noraboa: comeza o Ciclo de Cine Fantástico de Ourense. O Centro Cultural da Deputación de Ourense proxectará os martes entre o 23 de novembro e o 25 de xaneiro de 2011 as seis películas que foron seleccionadas no Ciclo de Cine Fantástico de Ourense, “as mellores cintas que marcan un antes e un despois neste xénero cinematográfico”, en opinión do experto cinéfilo Miguel Blanes, encargado de realizar a selección.
Trátase de facer un percorrido pola historia, os efectos especiais, as tramas, os decorados e os vestiarios do cine fantástico, “un evento que rematará o día 25 de xaneiro coa “invasión” que sufriremos en Ourense por parte da Lexión 501 da Guerra das Galaxias que, chegada de Santiago de Compostela, desfilará polas rúas de Ourense ata chegar ao Centro Cultural, onde se proxectará a película coa que rematará este ano o ciclo”, explica Miguel Blanes. Trátase de fans da saga Star Wars que, ataviados cos traxes dos lexionarios de Darth Vader, virán a Ourense para poñer unha nota de cor e animar o ciclo de cine.

O ciclo foi presentado hoxe no Centro Cultural, coa presenza dos membros de “Amigos do Cine Clásico de Ourense”, organizadores do evento: Rubén Riós, Avelino Jácome e Miguel Blanes, acompañados polo director do Centro Cultural, Francisco González.

Rubén Riós tivo unhas palabras de lembranza para o actor Abelardo Pérez Gabriel, recentemente falecido, “porque foi un dos impulsores deste ciclo, así como tamén da posibilidade de achegar o cine ao rural galego, como está a acontecer co exitoso ciclo de cine que cada verán celebramos en Riós”.

Pola súa banda, Avelino Jácome, agradeceu ao Centro Cultural a cesión do salón de actos para a proxección das películas, e dixo que este ano se lle quere dar “un xiro didáctico al ciclo e para elo convidaremos aos pases aos colexios de Ourense, onde ademais da proxección os alumnos participarán nunha charla introductoria das películas que van ver”.

Finalmente, Miguel Blanes explicou que a selección de películas abrangue unha etapa que vai desde os anos 1950 ata 1980, “porque é a época do cine onde se fixeron películas de ciencia ficción con máis artesanía que medios e iso dálle ás cintas un valor especial”. Blanes define ao cine de ciencia ficción como “o xénero do sétimo arte que mellor entretén ao espectador, porque nos traslada a outros mundos e realidades que nos permiten evadirnos por unhas horas do noso quefacer diario”.

En total serán seis as películas que se poderán ver: “La guerra de los mundos”, “El planeta prohibido”, “El tiempo en sus manos”, “El planeta de los simios”, “Encuentros en la tercera fase” y “La guerra de la galaxias”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario