jueves, 18 de noviembre de 2010

OURENSE

XINZO DE LIMIA ACOLLE O ÚNICO SALÓN MONOGRÁFICO DA PATACA QUE SE CELEBRA EN EUROPA




O pavillón dos deportes de Xinzo de Limia acolle entre o venres e o domingo próximos o II Salón Monográfico da pataca de Galicia, a única feira do sector de carácter monográfico que se celebra en Europa. O evento reunirá a produtores, almacenistas, comerciantes, fabricantes e técnicos, que analizarán as últimas novidades dun produto básico na agricultura de A Limia e imprescindible na alimentación mundial.
O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; o presidente e o xerente do Inorde, José Manuel Freire e José Manuel Rodríguez, respectivamente, e o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez.

Baltar destacou a importancia de feiras monográficas como esta afirmando que é un “inmellorable punto de encontro para que os agricultores poidan coñecer os avances que logo poden aplicar nos seus cultivos, e desta maneira,seguir evolucionando para sacarlle máis partido e máis produtividade ás súas colleitas”.

José Manuel Rodríguez explicou que esta salón monográfico “pecha totalmente o ciclo da pataca, desde a semente ata o consumidor final, e iso supón un valor engadido a esta feira, porque é a única de Europa na que abordan todos os temas da pataca durante o seu ciclo”.

Galicia, co 22% da produción de pataca en España ocupa o segundo lugar despois de Castela e León, sendo a provincia de Ourense coa subzona de A Limia a que aporta a maior porcentaxe, de aí a importancia que ten este tubérculo para a economía galega e, en especial, para a provincia de Ourense.

O Inorde, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e o Concello de Xinzo levan a cabo conxuntamente este proxecto do salón monográfico, que é un referente europeo no sector, e que permitirá coñecer os traballos que se realizan en países como holanda, Polonia, Hungría e Romanía, ademais dos avances que en Ourense se desenvolven para conseguir a mellor produtividade da pataca.

A promoción e o I+D son as dúas áreas nas que este ano basea o II Salón da Pataca as súas liñas de actuación. Ao longo de tres días terán lugar xornadas técnicas, degustacións, presentacións de expositores, catas, concursos e actividades para nenos, que farán deste evento un inmellorable lugar para que profesionais e visitantes poidan traballar e disfrutar ao redor dun dos grandes produtos da nosa mesa: a pataca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario