miércoles, 24 de noviembre de 2010

PONTEVEDRA

Coperactiva Cultural – Culturactiva leva ao Culturgal a súa xestión integral de propostas culturais

Jéssica Beiroa / Pontevedra




Presentando a súa xestión integral de servizos culturais, Coperactiva Cultural – Culturactiva SCG, mais tamén o Festiclown, disporán dun stand na Feira das industrias culturais (Culturgal) que se celebra esta fin de semana en Pontevedra.

No dito espazo Coper@ctivo poderase atopar desde información sobre a venda teatral que realiza a nosa oficina, ata un amplo abano de proxectos con dilatada traxectoria e solvencia como é o Festiclown, o Terractiva ou o Magiclown, entre outros, así como información sobre as compañías teatrais e de clown que xestionamos ou unha explicación personalizada segundo as necesidades das nosas/os clientes á hora de realizar unha programación cultural.
Neste sentido, o que Coperactiva vai difundir no Culturgal é a posibilidade, que vén practicando desde fai anos, de realizar íntegramente a produción, a difusión a través dos medios de comunicación, o deseño dunha imaxe, da cartelería e a posta en escena de calquera proposta cultural que se desexe grazas ao seu servizo integral de xestión de proxectos.

Ademais Culturactiva presentará no Culturgal unha das súas últimas propostas, o grupo de percusión Odaiko, un espectáculo cheo de ritmo, humor participación do público o domingo 27 ás 13:30 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Tamén o actor e clown Peter Punk estará amenizando o stand e a feira con números do seu recén estreado espectáculo o sábado 26 pola mañá.


Apartado social
A solvencia de Coperactiva Cultural – Culturactiva SCG está avalada polo éxito das súas propostas. Máis de medio millón de persoas pasaron polas actuacións do Festiclown nos seus dez anos de historia e o seu paso por diferentes cidades do país ao tempo que desde os seus inicios se convertiu en lanzadeira de ideas, proxectos, programacións e festivais co humor e a risa como nexo de unión.
O carácter lúdico e riseiro das actividades promovidas por esta empresa toca tamén de cerca a sociedade. Entendida a risa como linguaxe universal entre os pobos, diversos proxectos están agora en marcha para con eles achegar solidariedade a través do humor e o teatro. O Festiclown Palestina ou as caravanas solidarias a Chiapas (México) son algúns dos máis importantes cos que colabora Coperactiva Cultural – Culturactiva SCG.


Medrando
Nacida fai dez anos, é na actualidade a distribuidora líder en Galicia de teatro cómico e de rúa. Máis dun cuarto de milleiro de actuacións moveu en 2009 e no que levamos de ano xa superou esa cifra. Tanto no ámbito galego, coma no estatal ou a nivel mundial ten proxección e presencia esta entidade.
Malia a que en 2011 cumprirá dez anos de vida, esta empresa non se acomoda, senón que expande o seu volume de traballo cada ano. Diversas programacións culturais para todos os petos, a distribución en exclusiva de Leo Bassi en Galicia, ser os representantes do grupo catalán La Troba Kung Fú no noso país, traer espectáculos coma os de Yllana ou Pez en Raya, entre outros, xunto co grande abano de artistas galegos de calidade que move son os puntos fortes que permiten medrar vizosa a árbore
Coper@ctiva.

No hay comentarios:

Publicar un comentario