Mostrando entradas con la etiqueta CULTURA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CULTURA. Mostrar todas las entradas

miércoles, 24 de noviembre de 2010

PONTEVEDRA

Coperactiva Cultural – Culturactiva leva ao Culturgal a súa xestión integral de propostas culturais

Jéssica Beiroa / Pontevedra




Presentando a súa xestión integral de servizos culturais, Coperactiva Cultural – Culturactiva SCG, mais tamén o Festiclown, disporán dun stand na Feira das industrias culturais (Culturgal) que se celebra esta fin de semana en Pontevedra.

No dito espazo Coper@ctivo poderase atopar desde información sobre a venda teatral que realiza a nosa oficina, ata un amplo abano de proxectos con dilatada traxectoria e solvencia como é o Festiclown, o Terractiva ou o Magiclown, entre outros, así como información sobre as compañías teatrais e de clown que xestionamos ou unha explicación personalizada segundo as necesidades das nosas/os clientes á hora de realizar unha programación cultural.
Neste sentido, o que Coperactiva vai difundir no Culturgal é a posibilidade, que vén practicando desde fai anos, de realizar íntegramente a produción, a difusión a través dos medios de comunicación, o deseño dunha imaxe, da cartelería e a posta en escena de calquera proposta cultural que se desexe grazas ao seu servizo integral de xestión de proxectos.

Ademais Culturactiva presentará no Culturgal unha das súas últimas propostas, o grupo de percusión Odaiko, un espectáculo cheo de ritmo, humor participación do público o domingo 27 ás 13:30 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Tamén o actor e clown Peter Punk estará amenizando o stand e a feira con números do seu recén estreado espectáculo o sábado 26 pola mañá.


Apartado social
A solvencia de Coperactiva Cultural – Culturactiva SCG está avalada polo éxito das súas propostas. Máis de medio millón de persoas pasaron polas actuacións do Festiclown nos seus dez anos de historia e o seu paso por diferentes cidades do país ao tempo que desde os seus inicios se convertiu en lanzadeira de ideas, proxectos, programacións e festivais co humor e a risa como nexo de unión.
O carácter lúdico e riseiro das actividades promovidas por esta empresa toca tamén de cerca a sociedade. Entendida a risa como linguaxe universal entre os pobos, diversos proxectos están agora en marcha para con eles achegar solidariedade a través do humor e o teatro. O Festiclown Palestina ou as caravanas solidarias a Chiapas (México) son algúns dos máis importantes cos que colabora Coperactiva Cultural – Culturactiva SCG.


Medrando
Nacida fai dez anos, é na actualidade a distribuidora líder en Galicia de teatro cómico e de rúa. Máis dun cuarto de milleiro de actuacións moveu en 2009 e no que levamos de ano xa superou esa cifra. Tanto no ámbito galego, coma no estatal ou a nivel mundial ten proxección e presencia esta entidade.
Malia a que en 2011 cumprirá dez anos de vida, esta empresa non se acomoda, senón que expande o seu volume de traballo cada ano. Diversas programacións culturais para todos os petos, a distribución en exclusiva de Leo Bassi en Galicia, ser os representantes do grupo catalán La Troba Kung Fú no noso país, traer espectáculos coma os de Yllana ou Pez en Raya, entre outros, xunto co grande abano de artistas galegos de calidade que move son os puntos fortes que permiten medrar vizosa a árbore
Coper@ctiva.

martes, 16 de noviembre de 2010

OURENSE

MÚSICA, RECITAIS POÉTICOS E UN LIBRO CENTRAN OS ACTOS DE HOMENAXE AO MUSICÓLOGO MANUEL DE DIOS





A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación das actividades que se van desenvolver co gallo da homenaxe que Ourense lle rende ao profesor, músico e poeta Manuel de Dios, persoeiro a quen a institución provincial propuxo conceder a medalla de ouro da provincia a título póstumo. Os actos enmarcados na homenaxe desenvolveranse o vindeiro 18 de novembro no Teatro Principal de Ourense cun recital poético-musical baseado na súa obra, acto no que intervirán os compoñentes do grupo “Vellos Amigos”, organizador da homenaxe, interpretando 6 cancións de Manuel de Dios, e Marisa Calvo, quen recitará poemas do homenaxeado.
A presentación da homenaxe contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, e co presidente e vicepresidente do grupo “Vellos Amigos”, Moncho Calvo e Arturo Fernández, respectivamente. Baltar destacou “a humanidade” de Manuel de Dios. “Por riba da súa intensa e polifacética vida profesional penso que é moi importante destacar a persoa, o ser humano que había dentro del, un home que sempre fuxiu do protagonismo e que xeraba confianza e empatía alí por onde ía”.

Pola súa banda, Moncho Calvo agradeceu ás institucións que fixeron posible a realización da homenaxe, principalmente á Deputación de Ourense, e Arturo Fernández, destacou, ademais da faceta profesional de Manuel de Dios, o feito “de ser amigos dos seus amigos e unha persoa que deixou en todos nós un poso de amizade e fondo agradecemento por todo o que puidemos compartir e aprender del”.

Fernández dixo que a homenaxe faise neste mes de novembro porque coincide coa data do pasamento de Manuel de Dios, falecido o ano pasado, “e os actos están organizados por “Vellos Amigos” porque foi o grupo co que Manuel estivo vencellado desde 1990 e ata o seu falecemento, 19 anos dirixindo este grupo, formado por ex coralistas da Coral de Ruada”.

As invitacións gratuítas para asistir ao acto de homenaxe pódense recoller no Teatro Principal ata o día 18 de novembro, no que terá lugar o acto, ás 20.30 horas.

Manuel de Dios Martínez, naceu en San Xes da Rábeda en 1930. De moi neno trasladouse a Ourense onde realizou os seus primeiros estudos. A súa vocación literaria desenvólvese coa amizade de poetas locais como Abelardo Santórum, Víctor Campio Pereira, Serafín Gómez Pato e A.Tovar.

Licénciase en Filoloxía Románica. En Santiago de Compostela relaciónase con Varela Jácome, Carlos Casares, Francisco Javier Carro e J.F. Ferreiro. Colabora en “As nosas páxinas galegas” do diario ABC. Profesor de Música e Literatura na antiga Universidade Laboral.Toma posesión no Instituto Otero Pedrayo como profesor de Lengua e Literatura española en 1961. É tamén director do Coro de Música do Instituto, e forma parte dos seminarios de Filosofía e Literatura que presiden Ferro Couselo e Ogando Vázquez. É nomeado xefe do primeiro Seminario de Lingua Galega. Ferro Couselo propono para membro do Grupo “Marcelo Macías”. É confirmado oficialmente e colabora na edición do Boletín Auriense.

Colabora musicalmente con Xaquín Lorenzo na recompilación do “Cancioneiro da Baixa Limia”. A súa afección á música lévao a dirixir diversas agrupacións corais como a Coral de Ruada que accede a súa dirección no 1956, dálle un novo rumbo ca renovación do repertorio con introdución de novas obras polifónicas galegas e da polifonía universal, en 1964 abandona temporalmente a dirección da Coral para retomala no ano 1969 ata 1970 e ultimamente dirixía a coral Vellos Amigos, expresión viva das súas inquedanzas musicais e poéticas.

O seu currículo é amplo como compositor xa que rescata cantigas populares, ademais de crear pezas propias, montando un auténtico arquivo musical de coro, entre as pezas populares destacan “Ourense ó lonxe”, e “A Virxe de Portovello”, recollidas nun amplo repertorio publicado pola Deputación Provincial no 2005 titulado : “Cantos de traer e levar” ademais de musicólogo é poeta. Autor do libro de poesía: “Cantares” (2005), editado tamén pola Deputación Provincial.

Faleceu aos 79 anos, o 12 de novembro de 2009, e foi soterrado en San Payo de Albán, en Coles.

miércoles, 10 de noviembre de 2010

viernes, 5 de noviembre de 2010

A MOSTRA ITINERANTE “NOVOS VALORES 2010” VISITA CAMBADOS, LALÍN E TUI




O vicepresidente da Deputación de Pontevedra encargado del área de Cultura, José Juan Durán, xunto ó director do Museo de Pontevedra, José Carlos Valle, presentou esta mañá no Pazo provincial a Exposición Itinerante "Novos Valores 2010". Esta mostra, está composta polas obras seleccionadas do Certame Novos Valores 2010, anteriormente expostas nas dependencias do Museo de Pontevedra.

Cambados, Lalín e Tui, as cidades que acollerán a mostra
Dado o seu carácter itinerante, a mostra se trasladará, en primeiro lugar a Cambados, onde estará do 5 ó 28 de novembro no Pazo de Torrado; do 3 de decembro ó 2 de xaneiro estará no Museo Aller, en Lalín; e, para cerrar o percorrido viaxará ata Tui, onde se poderá visitar no Edificio Área Panorámica entre o 10 de xaneiro e o 6 de febreiro.

34 obras percorrerán a provincia
En canto ó contido, cómpre sinalar que das 39 obras seleccionadas solo 5 non sairán nesta itinerancia por xa ter comprometida a súa exposición en galerías e mostras temporais varias. Si estarán presentes todas as obras premiadas e adquiridas pola Deputación, entre as que se atopan creacións en formato vídeo, escultura, gravado, debuxo, fotografía e pintura.

Plans de futuro
De cara ó ano que ven, a área de Cultura de Deputación está traballando nun calendario expositivo polo cal se realizará unha serie de exposicións de pequeno formato por diferentes concellos da provincia. Con esta iniciativa de futuro, se pretende cubrir as necesidades dos municipios no que a políticas culturais se refire, tendo en conta o momento de crise que estamos vivindo.

jueves, 4 de noviembre de 2010

OURENSE

O CENTRO CULTURAL PRESENTA A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA “PURIFICACIÓN GARCÍA 2010”




O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da exposición das obras finalistas da VIII edición do Concurso de Fotografía “Purificación García 2010”, “traballos que son o reflexo da sociedade actual a través da mirada dos fotógrafos”, explicou a deseñadora Purificación García no acto de presentación.
Na mostra, que se exhibe desde hoxe e ata o vindeiro día 28 de novembro, preséntanse 25 obras dun total de 476 que se presentaron a concurso, “amosando que cada ano vai en aumento tanto a cantidade como a calidade dos traballos”, afirmou Rosana Agrelo, responsable de Comunicación de Purificación García, e engadiu que a partir deste ano o concurso será bienal “para poder achegarnos con máis antelación a outros grandes espazos expositivos de España e doutros países”.


Pola súa banda, o director do Centro Cultural, Francisco González, destacou “a importancia de que a iniciativa privada e a cultura colaboren para desenvolver proxectos como este, porque se van da man a empresa privada, as institucións e a cultura pódense acadar importantes logros no eido cultural”.


Os gañadores deste ano foron: 1º premio, dotado con 15.000 euros, para Javier Núñez Gasco, pola obra “Público incondicional”; o 2º premio, dotado con 12.000 euros, foi para o artista de Lalín Álvaro Negro, pola obra “Paul Klee”, e o 3º premio, dotado con 10.000 euros, foi para Aleix Plademunt, pola pola obra Small Dreams.


A exposición, que xa visitou as cidades de Madrid, Zaragoza, Bilbao e Pontevedra, chega agora a Ourense, e proseguirá camiño a Oporto e Lisboa.

miércoles, 3 de noviembre de 2010

OURENSE

PRESENTACIÓN DO LIBRO “INSTITUCIÓNS DOCENTES E GRANDES MESTRES EN OURENSE 1846-2005”, DE ENRIQUE BANDE




A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libro “Institucións docentes e grandes mestres en Ourense 1846-2005”, do que é autor o historiador e director da biblioteca da Deputación, Enrique Bande
A obra, editada por Galaxia e que conta coa colaboración da institución provincial, é unha achega do importante papel desenvolvido polos mestres e as institucións docentes desde mediados do século XIX a comezos do XXI.

domingo, 31 de octubre de 2010

TOMIÑO: A Concellaría de Cultura edita unha guía de pintores/as de Tomiño que pode consultarse na páxina web do Concello

A publicación consta de 55 páxinas e inclúe a obra de 26 artistas
A Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño vén de editar unha guía de pintores e pintoras da localidade que xa pode consultarse a través da páxina web do Concello (concellotomino.com).
A publicación consta de 55 páxinas a toda cor e inclúe a obra e datos biográficos de 26 artistas da localidade, nóveles e consagrados, entre os que figuran nomes coñecidos como os de Antonio Baños Saldaña, Eulalia Portela Jackson, Basilio Calzado, Jesús Jáuregui, José Antonio Álvarez ou Mario Rodríguez, e outros de artistas máis novos, como Ángela Mª Ramos, Sheila Quintero, Félix Sanz Cardoso ou Iria Moure Martínez.
Jesús Castiñeira Diz, concelleiro de Cultura, Educación e Participación Veciñal explicou que “Tomiño é terra de pintores e escultores, de grandes artistas que se veñen inspirando nas ribeiras do Miño, nos seus afluentes, nos seus vales, no patrimonio tradicional, nas súas fortalezas; polo que esta guía vén a saldar unha parte do compromiso asumido dende a concellaría no sentido de difundir e promover o traballo que estes artistas veñen realizando”.
O edil cre que “é posible que na publicación non estean todos os pintores tomiñeses “pero estamos seguros de que nos atopamos fronte a persoas moi representativas das actuais tendencias da pintura no ámbito municipal e comarcal”.
Por último, o concelleiro indica que o feito de que a guía poda consultarse a través de internet, permitirá a súa actualización e mellora.