miércoles, 10 de noviembre de 2010

OURENSE


TRES EVENTOS RELACIONADOS CO CAMIÑO DE SANTIAGO POÑEN O BROCHE FINAL AO ANO XACOBEO EN OURENSE COA COLABORACIÓN DA DEPUTACIÓN




Ourense acollerá en novembro tres eventos relacionados co proxecto europeo Loci Iacobi da Secretaría Xeral para o Turismo sobre dinamización turística e cultural do Camiño. A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez e mais o presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar Pumar presentaron hoxe en rolda de prensa un concerto, un coloquio e unha exposición que se celebrarán en Ourense e que se enmarcan dentro do proxecto Europeo Loci Iacobi, cuxo xefe de fila é a Secretaría Xeral para o Turismo.
O obxectivo do proxecto é investigar, promocionar e dinamizar turística e culturalmente o Camiño de Santiago ao seu paso polos territorios socios do proxecto: Beja, en Portugal; Le Puy-en-Velay en Francia e mais Galicia.


Carmen Pardo, Rogelio Martínez e José Luís Baltar presentaron hoxe en Ourense un programa de actividades que se desenvolverán na cidade das Burgas entre os días 23 e 28 de novembro no marco do proxecto Loci Iacobi: Lugares de Santiago, Lieux de Saint Jacques. Este proxecto, do que a Secretaría Xeral para o Turismo é xefe de fila, ten por obxectivo a investigación, promoción e dinamización turística e cultural do Camiño de Santiago como itinerario cultural de alto valor histórico nos territorios socios do proxecto que son a Diocese de Beja en Portugal, a Communauté d’Agglomération du Puy-en-Vélay en Francia e mais Galicia en España. O Loci Iacobi resalta a capacidade de cohesión e de factor de dinamización do Camiño de Santiago nos territorios polos que discorre.


A secretaria xeral para o Turismo Carmen Pardo destacou que entre os días 24 e 26 celebraranse en Ourense diversos actos no marco do proxecto. Segundo resaltou, os socios do grupo celebrarán reunións e encontros, así como visitas guiadas á cidade de Ourense, ás Termas de Outariz, ao Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil ou ao Mosteiro de Oseira. A cidade de Ourense acollerá un concerto a cargo do grupo Milladoiro no Teatro Principal de Ourense o día 24 de novembro ás 9 da noite; un coloquio internacional sobre os distintos Camiños de Santiago e a súa iconografía con expertos de diferentes países que se celebrará o día 26 deste mes e tamén nese mesmo día terá lugar no Edificio Simeón, no Centro Cultural da Deputación de Ourense a inauguración dunha exposición con pezas vencelladas ao culto e a cultura xacobea dos tres países socios do proxecto.


Ioci Iacobi


O Presidente da Deputación, José Luis Baltar, lembrou a gran implicación da institución que preside co Xacobeo ao longo deste ano, con participación activa nos actos máis destacados, como foi o concerto de Leonard Cohen e agora esta iniciativa baixo o lema Loci Iacobi.


A asistencia ao concerto de Milladoiro no Teatro principal será gratuíta, previa retirada da entrada no despacho de billetes o día anterior entre as 11 e as 13.30 horas ou ben o mesmo día do concerto unha hora antes do comezo.


A respecto do encontro internacional, a secretaria xeral para o Turismo explicou que o día 26 celebrarase tamén un coloquio internacional no Centro Cultural da Deputación de Ourense que leva por título Loci Iacobi, Lugares de Santiago. Camiños de Peregrinación a Santiago e que conta coa ponencia inaugural do presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken. Caucci falará da dimensión europea da Ruta Xacobea. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre iconografía e culto dos santos peregrinos e guerreiros nos Camiños de Santiago que contará coa participación de expertos como Geraldine Dabrigeon, conservadora do Patrimonio do País da Arte e da Historia da Communauté d’Agglomeration de Le-Puy-en-Vélay en Francia; do director do Museo das Peregrinacións de Santiago, Bieito Pérez Outeiriño, e mais do direcor do Departamento de Patrimonio Histórico e Artístico da Diocese de Beja en Portugal, José Antonio Falçao.


Do mesmo xeito, o catedrático da USC e membro do Comité de Expertos, Fernando López Alsina, ofrecerá un relatorio sobre os Camiños de Santiago na Historia. O encontro contará coa participación de expertos tan relevantes como Humbert Jacomet, conservador do Patrimonio do DRAC d’Auvergne; ou a directora do Gabinete de Estudos sobre a Orde de Santiago do Municipio de Palmela en Beja, Isabel Cristina Ferreira, que fará un percorrido por cinco poboacións medievais do Camiño de Santiago no sur de Portugal.Todos os interesados en asistir ao coloquio poderán inscribirse no correo electrónico dispoñible no folleto do congreso que pode descargarse na web da Consellería de Cultura e Turismo e mais na web do proxecto www.lociiacobi.eu.


O mesmo día da celebración do coloquio inaugurarase no hall do Edificio Simeón a exposición itinerante Loci Iacobi. Esta mostra propón unha ampla reflexión sobre a peregrinación como realidade cun profundo significado antropolóxico, histórico e sociolóxico a partir dos tres lugares chave do Camiño de Santiago. Carmen Pardo calificou na súa intervención o proxecto como unha ferramenta que “temos á nosa disposición para continuar esa labor de transmisión do coñecemento que se ten convertido na esencia da ruta de peregrinación e que cohesionou Europa ata convertela na grande rede de cultura que é hoxe”.


Pola súa banda, na súa intervención, o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez destacou a importancia do Camiño de Santiago na provincia. Non en van, o Camiño do Sudeste é o camiño xacobeo de maior percorrido en Galicia e xa foi percorrido durante o que vai de 2010 por máis de 13 mil peregrinos. Segundo recalcou Rogelio Martínez, o Xacobeo programou este ano na provincia de Ourense un cento de actividades en corenta concellos dentro da súa programación propia, ademais das programadas en colaboración con Caixanova e Caixa Galicia. A Semana Auria de Novela Histórica; a colaboración co Festival de Cine de Ourense; a primeira edición do Festival Internacional de Orquestras de Galicia ou o Festival Reperkusión de Allariz foron algúns dos actos do Xacobeo na provincia. No que queda de 2010 aínda está previsto que se celebre a exposición Música de Pedra e Cantos de Peregrinación. Instrumentos Medievais de Martín Códax no Centro Cultural da Deputación de Ourense a partir do día 18 de novembro e tamén ese mesmo día un concerto na Igrexa de San Francisco coa Martín Códax Ensemble. O día 15 de decembro Ourense acollerá tamén una función para os cativos titulada Os catro da Xunqueira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario